A Sala de Goberno do TSXG pide crear unha praza máis nas seccións de Instrución da Coruña e Vigo e a sección de Violencia sobre a Muller en Lugo, Pontevedra e Ferrol
O órgano gobernativo pretende paliar a perda dun xulgado instrutor na Coruña e Vigo. A medida ten como obxectivo que as sete cidades galegas conten con salas exclusivas de violencia de xénero
- Autor
- Comunicación Poder Judicial
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou na comisión celebrada o pasado venres solicitar a creación dunha praza máis na sección de Instrución do Tribunal de Instancia da Coruña e outra no de Vigo para paliar a perda que para ambas as cidades supoñerá a transformación dun dos seus xulgados de instrución na praza número 2 da sección de Violencia sobre a Muller, en aplicación da Lei Orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.
Os membros da Sala de Goberno do alto tribunal galego tamén aprobaron demandar a creación das seccións de Violencia sobre a Muller dos Tribunais de Instancia de Lugo, Pontevedra e Ferrol -unha praza en cada unha delas-. Esta medida ten como obxectivo que as sete principais cidades galegas conten cunha sección exclusiva de violencia sobre a muller, pois o Ministerio de Xustiza anunciou a creación de seccións especializadas nos partidos xudiciais de Santiago e Ourense -prazas número 1-, e, na Coruña e Vigo, das prazas número 2. No caso de Santiago e Ourense, polo tanto, as prazas serán de nova creación, mentres que na Coruña e Vigo a creación da praza número 2 supoñerá a eliminación dun xulgado de instrución en cada cidade. A praza número 1 en ambas as cidades corresponderá ao xulgado especializado en Violencia sobre a Muller co que xa contan na actualidade.