O TSXG denega aos hoteleiros a suspensión cautelar da taxa turística en Santiago de Compostela

Asegura que non se evidencia que sexa de superior rango o interese da asociación que o interese público “inherente aos investimentos e gastos aos que o importe recadado afecta”. Conclúe que “non hai un prexuízo económico inmediato e evidente para a recorrente polo feito da entrada en vigor da disposición”. Advirte de que neste momento procesual non analiza a validez da regulación impugnada, algo que fará cando emita sentenza

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denega a suspensión cautelar, solicitada pola Asociación Unión Hotelera Compostela, da recarga municipal establecida polo Concello de Santiago ao imposto autonómico ás estadías turísticas. 

No auto, contra o que non cabe presentar recurso, a Sala advirte de que non examina a validez da coñecida como taxa turística, algo que fará cando entre no fondo do asunto e emita sentenza. Así, explica que este non é “o momento procesual en que se deba analizar o fondo da cuestión, nin de prexulgar a validez ou invalidez da regulación impugnada”. 

Os maxistrados, tras ponderar os intereses en conflito, conclúen na resolución que “non se evidencia que sexa de superior rango o interese sostido pola asociación recorrente en evitar a aplicación do tributo que o interese público inherente aos investimentos e gastos aos que o importe recadado afecta e a finalidade extrafiscal fixada pola disposición legal que o crea”. 

Ademais, sinalan que “o mero feito de que entre en vigor a disposición” non implica a perda da finalidade lexítima do recurso presentado pola asociación para que o TSXG axuíce se a taxa turística “é ou non conforme a dereito”. 

O tribunal indica que para suspender a aplicación da recarga de forma cautelar se debe especificar “de que forma afecta á esfera xurídica ou patrimonial do recorrente a aplicación da devandita disposición durante o tempo que poida durar a tramitación e resolución do procedemento” para, desta forma, “valorar se unha eventual sentenza acolledora puidese perder o seu efecto útil”. 

Neste caso, a Sala salienta que “non hai un prexuízo económico inmediato e evidente para a recorrente polo feito da entrada en vigor dunha disposición que non establece un gravame económico directo e inmediato para o colectivo representado pola asociación, que non é a obrigada ao pago do tributo, senón que o serán os clientes dos establecementos”. 

Os maxistrados conclúen no auto que non aprecian que a aplicación da disposición, polo tempo que dure a tramitación do procedemento, “poida orixinar prexuízos irreparables ou de difícil reparación para a asociación recorrente ou os establecementos por ela representados”. Por todo iso, rexeitan a medida cautelar solicitada.