O TSXG confirma a condena de 47 anos de cárcere imposta a un home que converteu a vida da súa parella “nun auténtico horror”

Ratificou que debe pagarlle á vítima unha indemnización de 150.000 euros polas lesións, secuelas e o prexuízo moral causado

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 47 anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un home por converter a vida da que era a súa parella “nun auténtico horror”. O alto tribunal galego, polo tanto, rexeitou o recurso do procesado e considerou probada a comisión de delitos de malos tratos habituais físico e psíquico no ámbito da violencia de xénero; contra a integridade moral; de coaccións graves; de lesións con deformidade; de agresión sexual; de lesións; e de lesións contra a muller. Ademais da pena de prisión, ratificou que debe pagarlle á vítima unha indemnización de 150.000 euros polas lesións, secuelas e o prexuízo moral causado. 

Do mesmo xeito que as maxistradas de primeira instancia, o alto tribunal galego considera probado que o condenado mantivo unha relación de parella con convivencia coa vítima durante tres anos, desde que a afectada tiña 19 anos. Durante ese período, e ata que a prexudicada abandonou o domicilio, segundo os feitos probados que figuran na resolución, o acusado “levou a cabo un comportamento cotián controlador, posesivo e violento, tanto físico como psíquico contra a súa parella, aumentando de maneira progresiva a intensidade e frecuencia das súas actuacións”.   

“Esta Sala do Civil e Penal comparte plenamente a convicción sobre a realidade e entidade dos feitos, graficamente descritos pola médico forense que interveu en instrución e no xuízo oral, como os máis graves que tivo ocasión de coñecer na súa experiencia profesional en relación coa violencia contra a muller”, salienta o TSXG na resolución, na que recalca que a Audiencia “foi escrupulosa ao absolver ao acusado daqueles tipos penais nos que se adoecía de proba insuficiente”. 

A sala de primeira instancia destaca na sentenza, que foi ratificada polo TSXG, que “non só proferiu expresións con clara intención de insultala, menosprezala, humillala ou amedrentala”, senón que, de maneira habitual, “levou a cabo un comportamento violento e agresivo e, de forma cotiá, propináballe labazadas na cara e na boca, así como patadas, puñadas e golpes por todo o corpo, chegando nalgunha ocasión a vítima a perder o coñecemento”. As xuízas afirman que tamén “lle retorcía os dedos das mans, lle dobraba os brazos, lle tiraba dos pelos, lle apertaba o pescozo e lle daba lategazos con varas e cables”. 

“O acusado actuou en todo momento con absoluto desprezo á condición de muller da vítima, a quen consideraba da súa absoluta propiedade”, recalca a sala, quen afirma que “todas as accións levadas a cabo polo acusado e o seu comportamento agresivo e violento, prolongado durante tanto tempo, produciron na vítima un gran padecemento físico e psíquico e un temor e medo constante na súa relación de parella”. Ademais, consideran probado que nun período que comprende polo menos os últimos sete meses de relación, o acusado “exerceu control sobre a súa parella, impedindo as súas relacións familiares e sociais, retendo o seu teléfono móbil, do que só podía facer uso ás veces, pero sempre na súa presenza”. Ao longo dese tempo, segundo o tribunal, “retívolle a tarxeta sanitaria e impediulle ir ao médico, a pesar de solicitalo e de precisalo a vítima, véndose obrigada a curarse con auga, vinagre e sal”. Ademais, afirma que, “con ánimo de degradar e humillar a súa parella”, de maneira frecuente e sen que poidan concretarse as datas, “lle prohibía durmir na cama e lle obrigaba a durmir no chan coa cadela e, con frecuencia, a permanecer de xeonllos no chan durante varias horas”. 

En numerosas ocasións, cunha frecuencia de dous ou tres días á semana, a cal se incrementou ao final da relación, o condenado, segundo consta na resolución, cando a vítima lle manifestaba que non quería manter relacións sexuais, “a emprendía a golpes con ela, mediante labazadas, tiróns de pelo e empuxóns, ata conseguir que acabase cedendo”. As maxistradas afirman que, en numerosas ocasións, “lle beliscaba e retorcía as orellas, de modo que lle foi rompendo a cartilaxe, ata que provocou a total deformidade dos pavillóns auriculares”. En dúas ocasións, segundo o fallo, fracturoulle o tabique nasal, e, outras veces, propinoulle varias labazadas, rompéndolle o beizo e provocándolle fracturas con perda parcial de pezas dentais. Na sentenza, as xuízas relatan que tamén lle causou fracturas en costelas, en úmeros e fémures, “sen que puidese determinarse o número de agresións diferenciadas que as causaron, ao non constar asistencias médicas individualizadas”. Contra a sentenza do TSXG cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.