O TSXG anula o orzamento relativo ao gasto de persoal aprobado polo Concello de Ferrol

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo acolle o recurso presentado pola CIG porque non houbo negociación sobre o devandito capítulo orzamentario

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG anula o capítulo orzamentario aprobado polo Concello de Ferrol en xaneiro deste ano, relativo aos incrementos retributivos do persoal funcionario. Desta forma, acolle o recurso interposto pola Confederación Intersindical Galega contra o capítulo I do acordo plenario, no que se aprobou o orzamento e o persoal para o exercicio de 2025. 

Os maxistrados basean a súa decisión na ausencia de negociación sobre o devandito apartado. Así, destacan na sentenza que das actas se desprende que “a referencia ao tema dos gastos de persoal tan só foi para dar conta do seu contido, e non para negocialo, tal e como constaba na convocatoria da mesa de negociación”.   

Na resolución acollen o motivo de nulidade que invoca a letrada da organización sindical demandante: a ausencia de negociación dos créditos orzamentarios do capítulo I, que conteñen o incremento retributivo respecto do exercicio precedente, o que resulta preceptivo, segundo o artigo 37 do Texto Refundido do Estatuto Básico do Empregado Público. 

O TSXG destaca que “esa imposición unilateral” lesiona “o contido esencial do dereito de liberdade sindical”. Ademais, recorda que o artigo 33.1 do Texto Refundido do Estatuto Básico do Empregado Público “impón a negociación de boa fe, isto é, que haxa un debate auténtico e verdadeiro, o que non significa que se chegue a un acordo, xa que a obriga de negociar non impón chegar a un resultado”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.