As probabilidades derivadas das probas periciais centran o debate no peche da Escola de Verán
“As expresións probabilísticas sobre as hipóteses das partes nun cotexo carecen de fundamentación”, indicou o director do Centro de Perfeccionamento da Garda Civil. O catedrático da Facultade de Ciencias da Universidade do Porto António Amorim analizou os problemas éticos actuais e as perspectivas futuras das pericias xenéticas
- Autor
- Comunicación Poder Judicial

A valoración da probabilidade en relación coas probas periciais foi o tema central da última xornada da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebrou desde o 2 de xullo ata hoxe no pazo de Mariñán, na provincia da Coruña. O director do Centro de Perfeccionamento da Garda Civil de Madrid, José Juan Lucena Molina, ofreceu nunha mesa redonda a súa visión persoal sobre a valoración estatística das probas periciais. “As expresións clásicas categóricas (positivo, negativo, inconcluso) ou probabilísticas sobre as hipóteses das partes nun cotexo concreto carecen de fundamentación lóxica. Son erros de lóxica de raciocinio que adoitan denominarse falacias”, destacou Lucena durante a súa intervención.
O experto sinalou que a implementación práctica da nova forma de valorar estatisticamente os cotexos nos laboratorios oficiais é “directamente proporcional á formación científica dos peritos”. O relator asegurou que “no ámbito dos laboratorios oficiais ligados aos corpos policiais, sobre todo nas áreas máis tradicionais da criminalística, desgraciadamente non poucos dos seus especialistas ven aínda no cambio de paradigma unha ameaza para a eficacia dos seus informes ante os tribunais”. A razón do cambio na valoración dos informes periciais, segundo Lucena, procede “da comunidade científica especializada”.
No debate tamén participaron o catedrático da Facultade de Ciencias da Universidade do Porto António Amorim e o catedrático de Medicina Legal do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo, quen esta semana inaugurou o curso clausurado hoxe, organizado baixo o título Avances científicos e a súa repercusión na resolución xudicial. Amorim profundou na Xenética Forense e fixo fincapé no seu carácter distinto respecto a outras ciencias forenses. O interveniente lembrou “o rol e encadramento periciais” á hora de abordar a cuantificación do valor probatorio dos resultados das análises xenéticas. Ademais, analizou os problemas éticos actuais e as perspectivas futuras das pericias xenéticas.
Nos dous cursos organizados dentro da Escola de Verán do Poder Xudicial, cuxa dirección académica corresponde ao vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial Juan Manuel Fernández, os relatores debateron sobre a fiabilidade das probas de ADN ou a relación entre a memoria e o testemuño e examinaron desde distintas perspectivas e diferentes campos a complexa relación entre a ciencia e os procedementos xudiciais. A sesión de hoxe foi clausurada pola directora técnica do curso e letrada do Servizo de Formación Continua do CXPX, María Jesús Millán de las Heras.
*En la imagen, el catedrático de la Facultad de Ciencias de la Universidad de Oporto António Amorim, el director del Centro de Perfeccionamiento de la Guardia Civil de Madrid, José Juan Lucena Molina, y el catedrático de Medicina Legal del Instituto de Ciencias Forenses de la Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo.