A Audiencia de Pontevedra condena a dous anos e medio de cárcere a un home por estafar a través dun portal inmobiliario

O tribunal relata que publicou un anuncio falso dun piso e conseguiu que a afectada lle transferise 1.200 euros

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condena a dous anos e medio de prisión e ao pagamento dunha multa de 1.620 euros a un home que estafou a unha muller a través dun portal inmobiliario. Ademais, imponlle o pago dunha indemnización á vítima de 1.200 euros. 

O tribunal considera probado que o acusado publicou un anuncio falso nun portal da internet para alugar un piso, do cal non era propietario. A prexudicada, que buscaba unha vivenda, contactou co sospeitoso e realizou varias transferencias á súa conta bancaria, por un total de 1.200 euros, baixo a promesa de que se lle devolverían os cartos se o inmoble non lle agradaba. 

A Sala destaca que o condenado non se presentou ás citas acordadas e bloqueou á afectada, sen devolverlle o diñeiro. O tribunal entende que os feitos constitúen un delito de estafa agravada, dado que o engano se dirixiu a aproveitar a necesidade de vivenda da vítima. Os maxistrados teñen en conta á hora de ditar a pena a agravante de reincidencia. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.