Guía para xuristas de recoñecida competencia

O acceso á Carreira Xudicial en España está regulado nos artigos 301 e seguintes da Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial e baséase nos principios de mérito e capacidade para o exercicio da función xurisdicional. O proceso de selección garante, con obxectividade e transparencia, a igualdade no acceso a todos os cidadáns e cidadás que reúnan as condicións e aptitudes necesarias, así como a idoneidade e suficiencia profesional para o exercicio da función xurisdicional.

O acceso pode ter lugar por calquera das tres categorías que integran a Carreira Xudicial, a saber:

  • Maxistrado ou Maxistrada do Tribunal Supremo
  • Maxistrado ou Maxistrada
  • Xuíz ou Xuíza

O ingreso pola categoría de Maxistrado ou Maxistrada prodúcese mediante a superación dun concurso entre xuristas de recoñecida competencia e con máis de dez anos de exercicio profesional, e dun curso de formación na Escola Xudicial. Por esta vía de acceso provese unha de cada catro prazas vacantes na categoría. Das prazas convocadas, á súa vez, unha terceira parte está reservada a membros do Corpo de Secretarios Xudiciais de primeira ou segunda categoría. As probas viñéronse convocando cunha cadencia aproximadamente bianual, aínda que a tendencia é a establecer un ritmo anual paralelo ao que seguen as probas de acceso pola categoría de Xuíz ou Xuíza.

As convocatorias poden realizarse por especialidades, en cuxo caso a valoración de méritos limítase aos relativos á materia correspondente, reservándose ao efecto prazas de características adecuadas, e non podendo os que así ingresen na Carreira Xudicial ocupar prazas correspondentes a unha orde xurisdicional ou unha especialidade distinta, salvo que superen as probas de especialización previstas na Lei.

Os requisitos para concorrer ao concurso son os mesmos que para facelo á oposición libre, e ademais ser xurista de recoñecida competencia con máis de dez anos de exercicio profesional.

O órgano convocante é a Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial.

O Tribunal cualificador que avaliará as probas de ingreso por esta categoría terá a seguinte composición:

  • O Presidente ou a Presidenta do Tribunal Supremo ou ben o Maxistrado ou a Maxistrada do Tribunal Supremo ou dun Tribunal Superior de Xustiza en quen delegue, que presidirá o Tribunal,
  • dous maxistrados ou maxistradas,
  • un o unha fiscal
  • dous catedráticos ou catedráticas de universidade,
  • un avogado ou unha avogada do Estado,
  • un avogado ou unha avogada con máis de dez anos de exercicio profesional,
  • un secretario ou unha secretaria xudicial da categoría primeira,
  • un letrado ou unha letrada do Consello Xeral do Poder Xudicial, que teña a licenciatura en Dereito, e que actuará como secretario ou secretaria.

O esquema de ingreso é o seguinte:

Fase de concurso:

  1. Valoración de méritos conforme ao baremo establecido na convocatoria, e que en todo caso incluirá:
    1. Título de Licenciado ou Licenciada en Dereito e expediente académico.
    2. Título de Doutor ou Doutora en Dereito.
    3. Anos de exercicio efectivo da avogacía.
    4. Anos de servizo efectivo como Catedrático ou Catedrática ou como Profesor ou Profesora titular.
    5. Anos de servizo como funcionario de carreira en calquera outro Corpo das Administracións públicas para cuxo ingreso se esixa expresamente estar en posesión do Doutorado ou a Licenciatura en Dereito e impliquen intervención ante os Tribunais de Xustiza, na carreira fiscal ou no Corpo de Secretarios Xudiciais.
    6. Anos de exercicio efectivo de funcións xudiciais sen pertencer á carreira xudicial.
    7. Publicacións científico-xurídicas.
    8. Relatorios e comunicacións en congresos e cursos de relevante interese xurídico.
    9. Realización de cursos de especialización xurídica de duración non inferior a trescentas horas, así como a obtención da suficiencia investigadora.
    10. 10. Ter aprobado algún dos exercicios que integren as probas de acceso pola quenda libre á carreira xudicial.
  2. Ditame. As bases incluirán a realización de probas prácticas relativas á elaboración dun ditame que permita ao tribunal valorar a aptitude da persoa candidata.
  3. Entrevista. Terá unha duración máxima dunha hora, e nela debateranse os méritos aducidos pola persoa candidata e o seu currículo profesional. O exclusivo obxecto da entrevista é acreditar a realidade da formación xurídica e capacidade para ingresar na Carreira Xudicial, aducida a través dos méritos alegados, e non poderá converterse nun exame xeral de coñecementos xurídicos.

Curso de formación na Escola Xudicial. Actualmente, ten unha duración de 12 semanas e comprende módulos teórico-prácticos repartidos en dúas fases:

  1. Curso presencial (catro semanas).
  2. Prácticas tuteladas (oito semanas).