Información general

O acceso á Carreira Xudicial en España está regulado nos artigos 301 e seguintes da Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial e baséase nos principios de mérito e capacidade para o exercicio da función xurisdicional. O proceso de selección garante, con obxectividade e transparencia, a igualdade no acceso a todos os cidadáns e cidadás que reúnan as condicións e aptitudes necesarias, así como a idoneidade e suficiencia profesional para o exercicio da función xurisdicional.

O acceso pode ter lugar por calquera das tres categorías que integran a Carreira Xudicial, a saber:

  • Maxistrado ou Maxistrada do Tribunal Supremo
  • Maxistrado ou Maxistrada
  • Xuíz ou Xuíza

Cuantitativamente, a categoría de ingreso máis relevante é a de Xuíz ou Xuíza, que se producirá mediante a superación dunha oposición libre e dun curso teórico e práctico de selección na Escola Xudicial. A convocatoria da oposición, que debe ter lugar polo menos cada dous anos, vén na práctica realizándose de forma anual dende o ano 1998. Dende 2001, realízase conxuntamente coa de ingreso na Carreira Fiscal, de xeito que as persoas aprobadas optan, segundo a puntuación obtida e as prazas convocadas, polo ingreso na Escola Xudicial ou no Centro de Estudios Xurídicos do Ministerio de Xustiza.