O pleno da Sala do Contencioso do TSXG homologa o convenio de mediación alcanzado no preito do antigo edificio de Fenosa

Co acordo subscrito polas partes evitarase o custo público que supoñería a derriba do inmoble, así como a reconstrución da antiga edificación, cuxa legalidade estaría tamén comprometida ao non axustarse ao plan vixente

Autor
Comunicación Poder Judicial

O pleno da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, reunido hoxe, homologou por maioría os acordos de mediación presentados polas partes para a execución da sentenza ditada no preito do antigo edificio de Fenosa, na cidade da Coruña.

Os devanditos acordos concrétanse no recoñecemento dos danos morais sufridos pola demandante e a comunidade de propietarios, na confección dun catálogo de boas prácticas urbanísticas para que situacións como a do obxecto de sentenza non volvan repetirse e na construción de 50 vivendas de protección oficial no Parque Ofimático, así como nunha indemnización para a demandante e o seu esposo polos danos morais e os custos asumidos no procedemento xudicial. O Concello comprométese así mesmo a iniciar as actuacións urbanísticas necesarias para a legalización do antigo edificio de Fenosa como inmoble singular.

Co acordo alcanzado polas partes no convenio de mediación evitarase o custo público que supoñería a derriba do edificio, estimado en ao redor de 60 millóns de euros, así como a reconstrución da antiga sede de Fenosa, cuxa legalidade estaría tamén comprometida ao non axustarse ao planeamento vixente.

Ademais de constatar que os acordos non son contrarios ao ordenamento xurídico, nin lesivos para o interese xeral ou os dereitos de terceiros, o tribunal tivo en conta para homologar o convenio as singularidades deste caso concreto, polo que non é extrapolable de forma directa a outras situacións de derriba. A Sala lembra que desde o ano 1997, cando se presentou a demanda, non se personaron na causa máis partes que as que subscriben a petición de homologación, polo que dado o amplo coñecemento público do asunto e o tempo transcorrido, calquera nova petición relacionada co caso haberá de entenderse, en principio, como un abuso de dereito.