Mellora da calidade da xustiza

Ao Consello Xeral do Poder Xudicial correspóndelle velar polo correcto desempeño das funcións que a Constitución e as leis asignan ao Poder Xudicial. En suma, velar para que os Xuíces e Maxistrados dispoñan de todos os medios necesarios para o adecuado exercicio da súa función xurisdicional.

Para acadar este obxectivo, o Consello actúa en dous campos:

  • Ten a capacidade para propoñer cantas actuacións estime necesarias para mellorar a administración de xustiza. Quer mediante a presentación da memoria anual ante as Cortes Xerais, quer dirixíndose directamente ao Ministerio de Xustiza ou ás Comunidades Autónomas con competencia sobre xustiza, o Consello propón a adopción daquelas medidas e iniciativas que contribúan ao mellor funcionamento dos órganos xudiciais españois.
  • Participa nos foros nos que se toman as decisións máis relevantes que afectan á nosa administración de xustiza. Trátase de diversas comisións de traballo, de carácter bilateral ou multilateral, onde o Consello, o Ministerio de Xustiza e as autonomías con competencias nesta materia estudan cantas ideas poidan contribuír á mellora do servizo público da administración de xustiza, promovendo cantas reformas legais resulten beneficiosas.

Doutra banda, a LOPX atribúe ao CXPX competencias como autoridade que debe controlar a compatibilidade dos distintos sistemas de información existentes na Administración de Xustiza. O Consello aproba os programas informáticos que se empreguen na administración de xustiza, de xeito que se garanta a compatibilidade entre eles e así poder contar cun sistema de información xudicial íntegro, coherente, robusto e estable en tempo.

O Consello Xeral do Poder Xudicial exerce a potestade regulamentaria en materia de establecemento das bases e estándares de compatibilidade dos sistemas informáticos que se empreguen na Administración de Xustiza (Artigo 560.1.16ª.l LOPX). Corresponde ao Centro de Documentación Xudicial colaborar na implantación das decisións adoptadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial en materia de harmonización dos sistemas informáticos que redunden nunha maior eficiencia da actividade dos xulgados e tribunais (Artigo 619.2 LOPX)