As Audiencias Provinciais
Etiquetas: tribunais, audiencias provinciais, xurado
As Audiencias Provinciais son tribunais de xustiza que abarca unha provincia e teñen a súa sede na capital respectiva. Son órganos colexiados con competencia nas ordes xurisdicionais civil e penal.
As Audiencias Provinciais coñecen dos recursos de apelación que se formulen fronte a decisións adoptadas polos órganos unipersoais da provincia. Na orde penal, coñece do axuizamento dos delitos que levan aparelladas penas de maior gravidade (para as que non son competentes os Xulgados do Penal). Un maxistrado da Audiencia Provincial, por orde de reparto, preside o tribunal do xurado.
Tribunal do Xurado
O Tribunal do Xurado é un órgano colexiado presidido por un Maxistrado-Presidente e está integrado por 11 cidadáns (9 titulares e 2 suplentes) que realizan as tarefas de xurado. Este tribunal actúa no ámbito da Audiencia provincial.
Cales son os delitos que ve o Tribunal do Xurado?
Segundo a Lei Orgánica do Tribunal do Xurado as súas competencias son:
- delitos contra as persoas
- delitos cometidos por funcionarios públicos durante o exercicio do seu cargo.
- delitos contra o honor
- delitos contra a liberdade e seguridade
Que requisitos son necesarios para ser membro dun xurado popular?
- Ser español e maior de idade
- saber ler e escribir
- encontrarse en pleno exercicio dos dereitos políticos
- ser veciño, no momento da designación, do municipio da provincia onde se cometese o delito
- non estar impedido física, psíquica ou sensorialmente para realizar a función do xurado
Como podo quedar exento de ser xurado?
As escusas válidas para non actuar como xurado son:
- ser maior de 65 anos
- ter feito funcións de xurado dentro dos 4 anos anteriores
- graves trastornos por motivo de cargas familiares
- ter un traballo de relevante interese xeral que sufriría prexuízos importantes polo feito de ser substituído
- residir no estranxeiro
- ser militar profesional en activo se concorren circunstancias de servizo
- outras causas de incompatibilidade segundo as circunstancias persoais, profesionais, de cargo e parentesco.
A lei pretende que o cumprimento do deber de ser xurado non signifique unha carga económica para os cidadáns. É por isto que mentres o xurado cumpra a súa función ten dereito a recibir unha retribución e unha indemnización polos gastos ocasionados durante este exercicio. A forma e a contía da retribución quedan fixadas por un regulamento. A función de xurado considérase como cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.