Vicepresidente

EtiquetasEtiquetas:  tribunal supremo, tribunais

A Vicepresidencia do Tribunal Supremo foi creada pola Lei Orgánica 4/2013 do 28 de xuño de reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial, pola que se modificou a Lei Orgánica 6/1985 do 1 de xullo do Poder Xudicial.  

Segundo a nova regulación, ao vicepresidente do Tribunal Supremo correspóndelle exercer, en funcións, o cargo de presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial nos casos legalmente previstos de cesamento anticipado do presidente e ata o nomeamento dun novo presidente (artigo 590 LOPX).

 

Nomeamento

O artigo 589 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, no seu primeiros catro apartados, dispón:

  • 1. No primeiro Pleno ordinario do Consello Xeral do Poder Xudicial posterior á elección do Presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, deberase elixir o Vicepresidente do Tribunal Supremo.
  • 2. O Vicepresidente do Tribunal Supremo será nomeado, por maioría absoluta, polo Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, a proposta do Presidente. Para figurar na proposta será preciso ter a categoría de Maxistrado do Tribunal Supremo, estar en servizo activo e reunir os requisitos para ser Presidente de Sala do mesmo.
  • 3. A proposta realizada polo Presidente do Tribunal Supremo deberá comunicarse aos Vogais polo menos con sete días de antelación, e farase pública.
  • 4. Se non se acadase maioría absoluta na votación, o Presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial deberá efectuar unha nova proposta de Vicepresidente.

Duración do mandato

O vicepresidente do Tribunal Supremo ocupa o seu cargo durante cinco anos, salvo no caso de que sexa cesado polo Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial por causa xustificada, co voto favorable de tres quintos dos membros do Pleno (artigos 593.2 e 589.5 LOPX).

Situación administrativa

O vicepresidente do Tribunal Supremo, mentres ocupa o cargo, permanece en situación administrativa de servizo activo (artigo 593 LOPX).

Funcións(se puede poner enlace a la ley)

Ademais do exercicio en funcións do cargo de presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial nos casos legalmente previstos de cesamento anticipado do presidente e ata o nomeamento dun novo presidente (artigo 590 LOPX), conforme o disposto no artigo 591 da Lei Orgánica do Poder Xudicial:

1. O Vicepresidente prestará ao Presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial a colaboración necesaria para o adecuado cumprimento das súas funcións.  A estes efectos, substituirao nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.

2. O Vicepresidente do Tribunal Supremo poderá exercer, por delegación do Presidente, a superior dirección do Gabinete Técnico deste Alto Tribunal, así como todas aquelas funcións que o Presidente lle delegue expresamente no caso de haber causa xustificada.

Ademais, o vicepresidente do Tribunal Supremo será membro nato da Sala de Goberno e corresponderalle propor a esta e ao presidente a adopción daquelas decisións orientadas a garantir o correcto funcionamento do Tribunal Supremo, así como velar pola exacta execución dos acordos adoptados pola Sala de Goberno (artigo 592 LOPX).