O TSXG demanda a creación dunha oficina xudicial en Teixeiro para xestionar dilixencias dos internos

A Sala de Goberno acordou remitir a solicitude á Xunta, pois a medida melloraría a atención, aliviaría a carga de traballo dos xulgados de Betanzos e optimizaría recursos. A posta en funcionamento da sede xudicial sería unha proba piloto, xa que o obxectivo é implementala en todos os centros penais de Galicia. Na actualidade un funcionario de Decanato desprázase todos os días á prisión desde os xulgados. En 2021 practicáronse no centro 5.847 exhortos penais -un 13 % máis que en 2020- e 213 civís

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou solicitar á Xunta a creación dunha oficina xudicial no centro penal de Teixeiro para xestionar a práctica de dilixencias referidas a internos, que en moitas ocasións afectan a dereitos fundamentais. Desta forma, segundo explica o TSXG, melloraríase a atención, optimizaríanse os recursos e aliviaríase a carga de traballo dos xulgados de Betanzos, que son os que na actualidade asumen esas dilixencias. 

A posta en funcionamento da oficina que demanda a Sala de Goberno sería unha proba piloto, pois o obxectivo é implementala en todos os centros penais con sede en Galicia. O TSXG destaca que o informe emitido polo Decanato de Betanzos evidencia “a carga de traballo e as especiais características do partido xudicial, derivadas da atención que precisa a práctica de dilixencias referidas a internos do centro penal de Teixeiro”. 

Na actualidade, un dos catro funcionarios da oficina de Decanato desprázase todos os días -en taxi ou en vehículo oficial- desde Betanzos ao centro penal, que se atopa a uns 30 quilómetros. A duración das dilixencias que practica é variable, pero nunca é inferior ás dúas horas, tempo durante o cal o vehículo espera ao funcionario, quen a diario realiza entre 30 e 40 actos de comunicación, citacións, requirimentos, emprazamentos, embargos, etc. 

Ademais, segundo informa o Decanato, en ocasións, outro funcionario, neste caso de garda, debe trasladarse á prisión para notificar autos de liberdade aos internos nos casos nos que o exhorto, cuxa notificación non se pode demorar, se recibe unha vez que o funcionario de Decanato xa abandonou o centro penal. Esta situación provoca que na mesma mañá dous funcionarios se despracen a Teixeiro para practicar actos de comunicación. No ano 2021 practicáronse no centro penal 5.847 exhortos penais -un 13 % máis que en 2020- e 213 civís, un 6,5 % máis. 

A Sala de Goberno, que xa remitiu un informe á Xunta o pasado mes de novembro sobre a necesidade de crear a delegación da oficina xudicial, incide en que a medida, que xa foi posta en marcha noutros centros penais de España, resulta “conveniente para un mellor funcionamento dos órganos xudiciais de Betanzos”.