Case 4.000 estudantes de centros educativos galegos participaron este curso no programa Educar en Xustiza

Promovida polo CXPX e o TSXG, ten como obxectivo que o alumnado entenda o funcionamento da Administración de Xustiza. Institutos, centros de formación profesional, a UNED e as universidades da Coruña e Vigo formaron parte da iniciativa, que se desenvolveu en 18 partidos xudiciais

Autor
Comunicación Poder Judicial
IES David Buján_TSXG.jpeg
IES David Buján_TSXG.jpeg

Un total de 3.745 estudantes de 96 centros educativos galegos participaron este curso no programa Educar en Xustiza. A iniciativa, promovida polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para que o alumnado coñeza o funcionamento dos órganos xudiciais da comunidade, retomouse de forma presencial, pois na pasada edición algúns centros participaron forma telemática ou realizaron visitas puntuais a xulgados e tribunais, mantendo as medidas preventivas fronte á COVID-19.

O programa desenvolveuse en 18 partidos xudiciais das catro provincias, nos que os xuíces e xuízas explicaron ao alumnado en que consiste o seu traballo e responderon as dúbidas que lles expuxeron. Ademais, os estudantes asistiron a vistas orais das diferentes xurisdicións, sobre todo penal e social, durante as que comprobaron de primeira man en que consisten os xuízos e o papel que desempeña cada un dos intervenientes neles. 

Durante as visitas, os xuíces e xuízas incidiron en aspectos que á mocidade lle poden afectar de forma directa, tales como a violencia de xénero, os delitos que teñen que ver co uso das redes sociais, o acoso escolar, o sexting ou outros relacionados co consumo de drogas. Os membros da carreira xudicial tamén lles explicaron conceptos básicos da xurisdición de menores, como os dereitos que lles asisten e o sistema de imposición de penas, así como os seus dereitos e deberes a partir da Lei Orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor. 

Dos 3.745 estudantes que participaron no Educar en Xustiza, 1.163 foron recibidos en órganos xudiciais da provincia da Coruña; 624, de Lugo; 254, de Ourense; e 1.704, de Pontevedra. Dentro do programa tamén se organizou unha charla nun centro educativo de Tui sobre os riscos das redes sociais e Internet; e, nun instituto de Lugo, dúas maxistradas e un maxistrado desmontaron algúns dos bulos relacionados coas denuncias por violencia machista. Ademais, nesta edición, organizáronse dous xuízos simulados sobre acoso nos xulgados de Ourense. 

Na iniciativa, ademais de estudantes de institutos galegos de entre 14 e 17 anos, participou alumnado de centros de formación profesional, da UNED e das universidades da Coruña e Vigo. O programa Educar en Xustiza, dirixido a maiores de 14 anos, retomarase o próximo curso. Nel poden participar os centros educativos públicos, privados e concertados de Galicia que formalicen a súa solicitude a través do Gabinete de Comunicación do TSXG.

Galería de imaxes

IES David Buján_TSXG.jpeg

IES David Buján_TSXG.jpeg

IES Xoán Montes_Juzgado de Instrucción nº2 de Lugo.jpeg

IES Xoán Montes_Juzgado de Instrucción nº2 de Lugo.jpeg

IES Isidro Parga Pondal_Juzgado Mixto nº1 de Carballo

IES Isidro Parga Pondal_Juzgado Mixto nº1 de Carballo

IES Illa San Simón_Juzgado Mixto nº2 de Redondela

IES Illa San Simón_Juzgado Mixto nº2 de Redondela

IES Eduardo Blanco Amor_Juzgado de lo Penal nº2 de Ourense

IES Eduardo Blanco Amor_Juzgado de lo Penal nº2 de Ourense