Alumnado dun colexio de Ourense asiste a un xuízo simulado sobre acoso escolar

Os 50 estudantes do CEIP Mestre Vide non foron informados ata a finalización da vista de que non era real. A iniciativa foi organizada polo Colexio da Avogacía de Ourense, en colaboración co TSXG. A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 3 explicoulles aspectos básicos do funcionamento da Xustiza

Autor
Comunicación Poder Judicial
Los estudiantes del CEIP Mestre Vide durante la representación de un juicio sobre acoso y agresión a una menor
Los estudiantes del CEIP Mestre Vide durante la representación de un juicio sobre acoso y agresión a una menor

Medio centenar de estudantes de sexto de Primaria do CEIP Mestre Vide asistiu hoxe en Ourense á representación dun xuízo sobre acoso e agresión a unha menor nun centro escolar. A actividade, organizada pola Comisión de Igualdade do Colexio da Avogacía de Ourense, en colaboración co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), dentro do programa Educar en Xustiza, contou coa colaboración da maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Ourense, Vanesa García de Paz. A iniciativa tivo como obxectivo que o alumnado comprenda aspectos básicos da Xustiza, en concreto, da xurisdición de menores.

Os participantes non foron informados ata a conclusión da vista, na que foron axuizados dous estudantes por presuntamente acosar a unha compañeira de clase, de que era simulada. A maxistrada, antes do inicio, explicoulles a función que desempeñarían nela o Ministerio Fiscal, o letrado/a da Administración de Xustiza, a Avogacía e o resto dos intervenientes. Coma se dun xuízo real se tratase, testificaron a nai da denunciante, os denunciados e un médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Despois da vista, o alumnado expuxo preguntas aos participantes na representación. A titular do Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Ourense destacou que iniciativas como esta son esenciais para concienciar aos/as adolescentes sobre as consecuencias que poden ter determinados comportamentos que, en ocasións, nin tan sequera perciben como delituosos, así como para que as vítimas sexan conscientes de que para frear este tipo de comportamentos e que sexan castigados deben comunicar o seu sufrimento a persoas da súa confianza.

Ademais, subliñou que o programa Educar en Xustiza, promovido polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o TSXG en toda a comunidade autónoma, é básico para achegar a Xustiza á mocidade. O alumnado tamén foi informado de que a xurisdición de menores ten carácter reservado, de aí a necesidade de simular un xuízo, xa que a súa presenza non sería posible nun real.

Os estudantes do CEIP Mestre Vide estiveron acompañados polos titores de sexto de Primaria, Juan Manuel Regal Lamelo, que tamén é director do centro, e María Reyes Rivero Fernández.