O maxistrado Luís Villares pide absterse de formar parte do tribunal que executa as sentenzas que anularon o parque eólico Sasdónigas

Explica que, a vista dun observador externo, podería entenderse comprometida a súa imparcialidade porque se manifestou sobre este caso concreto e coñeceu do asunto durante a súa época como parlamentario. O Tribunal Supremo avalou as resolucións do TSXG que derrogaron as instalacións de Mondoñedo, aínda en funcionamento

Autor
Comunicación Poder Judicial

O maxistrado da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) Luís Villares pediu absterse e non participar en resolucións relativas á execución das sentenzas do alto tribunal galego, ratificadas polo Tribunal Supremo e, polo tanto, firmes, que anularon os proxectos do parque eólico Sasdónigas, situado en Mondoñedo (Lugo), aos que a Xunta dera o visto e prace. As resolucións do TSXG, avaladas polo Tribunal Supremo, atópanse na actualidade en fase de execución, pois o parque eólico continúa en funcionamento, a pesar de que os proxectos se anularon xudicialmente.

Ao maxistrado Luís Villares, que non integrou o tribunal que derrogou o parque eólico, si se lle aquendou o procedemento para a súa execución. Con todo, comunicou ao resto de maxistrados da Sala que entende que debe absterse porque, con motivo das actividades que desenvolveu durante a súa etapa en servizos especiais -entre 2016 e 2020- como parlamentario da X Lexislatura do Parlamento de Galicia, recibiu e mantivo reunións cun colectivo de afectados polo proxecto de construción das instalacións de Sasdónigas.

Nese escrito, tamén explica que realizou “manifestacións públicas de respaldo aos motivos que, en concreto, ese grupo sostiña nese procedemento”. Villares engade que, a diferenza doutras ocasións nas que as súas manifestacións respecto á política enerxética tiñan “un carácter xeral encadrable na crítica política”, neste caso considera que existiu “unha posición concreta sobre un asunto concreto”.  

Por iso, o maxistrado do TSXG conclúe que a súa actividade como cargo público podería subsumirse na causa do artigo 219.16 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que establece como causas de abstención e, no seu caso, de recusación, o feito de que o xuíz ou maxistrado ocupase “un cargo público ou administrativo con ocasión do cal puidese ter coñecemento do obxecto do litixio e formar criterio en detrimento da debida imparcialidade”.

Villares asegura que, neste caso, foi “informado de maneira singular por parte do colectivo de recorrentes no procedemento de impugnación da autorización da instalación”. O maxistrado do TSXG engade que, durante algunha desas reunións, fixo manifestacións públicas sobre os concretos motivos de impugnación que afectaban ao parque eólico Sasdónigas.

“Nesa ocasión, a miña intervención non foi unha crítica política máis ou menos xeral, senón particularizada nun procedemento concreto que estaba xudicializado”, argumenta Villares, á vez que sinala que, por esa razón, entende que, vista a situación por parte dun observador imparcial, podería entenderse comprometida a súa imparcialidade.